viernes, 30 de enero de 2009

O PP DE REDONDELA DENUNCIA Ó GOBERNO LOCAL DE FALTA DE COMPROMISO NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Faro de Vigo


Os populares acusan a PSOE e BNG de empregar o tema para facer propaganda sen comprometerse cun acordo plenario nin trasladalo á práctica real


No pleno celebrado este mércores 28 de xaneiro o Partido Popular do municipio redondelán viu rexeitada, de novo, a moción, presentada xa en novembro do pasado ano, de tomar un acordo de goberno para trasladar ó Ministerio de Igualdade o posicionamento unánime do Pleno do Concello de Redondela respecto a loita contra a violencia de xénero. En concreto demandábanse máis recursos sociais, así como máis medios materiais e persoais para atender ás víctimas; máis xulgados especializados no tema; unha atención especial por parte dos axentes sociais, para o cal se requería unha formación específica e coidada; e a eliminación de todas as vantaxes posibles, como fianzas ou permisos, ós maltratadores.


Os populares consideraron necesaria dar unha segunda oportunidade para que os contrarios se retractaran das súas decisións pero, unha vez máis, o Bloque Nacionalista Galego mantivo como xustificación para votar en contra “a extemporalidade da moción”, aseguran dende o PP, “xa que recoñecían que era perigoso celebar un día internacional contra a violencia de xénero posto que podía dar lugar a equívocos, facendo pensar á sociedade que os restantes 364 días do ano non existía preocupación polo tema”.


“Estamos a presenciar un uso partidista e interesado da loita contra a violencia de xénero por parte do Goberno Local de Redondela”, declara a edil popular Laura Alonso. De novo “atopámonos ante unha mostra de falta de compromiso social das forzas políticas que están no Concello, que só empregan temas como este cando lles convén, para amosalos nos seus planfletos políticos, sen comprometerse a un acordo plenario”, asegura a concelleira. Posicionamentos, estes, que non son trasladados á práctica cando teñen ocasión de facelo cun consenso de todos os grupos políticos.


Deste xeito, o Partido Popular lamenta “a actitude revanchista” por parte de PSOE e BNG que rexeitan cuestións como esta, de vital importancia e que atañen á totalidade dos cidadáns, pola simple razón de seren presentadas pola oposición. Asimesmo, senten profundamente o desaproveitamento doutra oportunidade para realizar un exercicio de responsabilidade, compromiso e entendemento nun asunto que afecta a todos.


http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/01/31/0003_7497666.htm


.