Os populares denuncian a carencia de axentes da Policía Local e do Grumir que garanticen e velen pola seguridade dos veciños
O Partido Popular de Redondela únese ás queixas presentadas polos veciños e a sección sindical da CIG na Policía Local e solicitalle ó goberno local que “tome cartas no asunto e ofreza unha solución xa á carencia de axentes policiais e do servicio de emerxencias 24 horas”, expón o concelleiro popular Alberto Pazos.
O cadro de persoal actual deste corpo é insuficiente, polo que garantizar a seguridade nos 52 km cadrados do territorio municipal, con 30.000 habitantes e dous núcleos urbanos, é practicamente imposible. “O índice de delincuencia está a crecer ano a ano sen que se faga nada por atallar o problema”, apunta Pazos, e a situación “non é nada favorecedora para frear este rexistro”.
Neste sentido, o Partido Popular ve preciso dotar á Policía Local dos medios adecuados e convenientes co fin de poder ofrecer un servicio de garantías ós veciños, “unha asistencia e prestación obrigatoria que é deber do concello e que este non está a cumprir”. Dende o PP advertiuse reiteradamente desta situación sen que o concelleiro de Policía Local, Eduardo Reguera, propuxera ningunha solución. Agora improvisa a contratación temporal de catro auxiliares pero segue a ser insuficiente; “improvisar e saír na foto é o que mellor sabe facer Reguera”, asegura Pazos.
Sen servicio de emerxencias as 24 horas
O problema agrávase aínda máis pola situación similar na que se atopa o servicio do Grumir, que permanece dende o pasado mes de marzo sen a atención as 24 horas do día. Só tres persoas cubren as emerxencias de Protección Civil, o que obrigou a suprimir a quenda de noite.
Os populares esperan que non se volva a repetir a situación do pasado ano, cando Redondela quedou sen este servicio permanente de emerxencias durante tres meses. É este un problema que aparece sempre nas mesmas dastas, polo que “se o concelleiro é incapaz de establecer as solucións axeitadas para resolver esta situación, deberá pensar en abandonar as súas responsabilidades e deixar paso á xente nova con máis capacidade”, conclúe Pazos.

No hay comentarios:
Publicar un comentario