· Os populares denuncian ao bigoberno dunha lamentable xestión priorizando outras obras secundarias, descoñecendo os problemas e as necesidades reais do municipio e dos veciños
· Na zona das Marismas os cheiros son insoportables
O Partido Popular de Redondela esíxelle responsabilidades ao goberno local respecto do mal estado e funcionamento da depuradora da zona das Marismas. Un problema que xa veñen denunciando os populares en diferentes ocasións e que está a xerar múltiples queixas e protestas por parte dos veciños afectados, “o estado é lamentable e os cheiros son insoportables, máis na época de verán na que nos atopamos”, asegura Francisca Canal, presidenta do PP local.
“O Concello vendeu por todo o alto un proxecto de recuperación das Marismas, cando a día de hoxe aínda non se comezou e, sobre todo, cando a prioridade agora son outras”, explica Canal. Estamos ante un problema sanitario moi grave, á beira dunha zona de colexios e próxima ao casco urbano, “e este bigoberno só sabe ordenar obras secundarias, un exemplo máis da nefasta xestión dos dirixentes deste Concello que deixan en evidencia a falla de iniciativa e programación”.
Ante esta situación, o goberno local amosa que non coñece os problemas reais do municipio nin as inquedanzas dos veciños que sofren as consecuencias dunha mala e lamentable actuación.
