lunes, 19 de abril de 2010

CONDENA AO ATENTADO CONTRA A SEDE DO PP EN NIGRÁN

O Partido Popular de Galicia quere mostrar a súa condena máis enérxica aos actos rexistrados na madrugada de hoxe na súa sede de Nigrán, cando unha ou varias persoas por identificar asaltaron o local do partido e incendiárono utilizando cócteles molotov.

Os populares galegos lamentan que sigan existindo en Galicia individuos que pretendan silenciar a forza das ideas con accións covardes deste tipo, e lembran a estas persoas que as diferenzas políticas dirímense debatendo e non incendiando locais.

O PPdeG desexa que este sexa un feito illado e irracional de persoas sobre as que caerá o peso da Xustiza, e móstrase convencido de que ataques desta natureza á liberdade de expresión e política son rexeitados pola inmensa maioría da sociedade galega.

O Partido Popular de Galicia non se sentirá amedrentado por accións desta natureza e seguirá defendendo o seu ideario con toda intensidade. Ademais, destaca que o ataque desta madrugada xerou importantes danos materiais na sede de Nigrán pero absolutamente ningún efecto sobre a moral e a determinación dos populares á hora de utilizar a política para a mellora decidida do país.