Francisca Canal, directora do Centro Socio-Comunitario de Redondela e presidenta do grupo municipal do Partido Popular,
acusa ao goberno local de "estar detrás da polémica creada pola Asociación Coral Alvedosa". A proba máis evidente foi a de hoxe, cando o concello convoca unha comisión informativa extraordinaria urxente cun único asunto, a petición da Asociación Coral Alvedosa en relación a un local de ensaio no Centro Socio-Comunitario de Redondela. “Con esta acción queda máis que patente que
todo estaba manexado dende o Concello en convivencia co director da coral, Jesús Martínez Álvarez”, subliña Canal. “Caeron na súa propia trampa, estiveron manipulando todos os fíos e agora saíron á luz polo seu propio pé”, engade.

O tema politizouse dende o goberno local, que se meteu en asuntos que non son da súa competencia. “Como ten a osadía de implicarse nesta cuestión cando nunca fixo nada polos maiores do municipio? Porque promesas si que realizou, e moitas, pero todo foi un fraude electoral, xa que a residencia da terceira idade e centro de día programado para Cesantes segue sendo fume e non unha realidade, como debería selo cando o anunciou no súa campaña electoral”, explica Canal. Neste senso, é a destacar as melloras conseguidas pola directora do centro no equipamento do propio edificio, sen supoñer ningún tipo de promesa electoral, “actuando só polo ben dos maiores de Redondela”. O concello nunca aportou nada para o benestar e ocio deste grupo de poboación, mentres que o Centro Socio-Comunitario alberga unhas 500 persoas ao mes que participan nas diferentes actividades organizadas pola dirección, mellorando día a día as súas instalacións co último fin de acadar a satisfacción máxima dos seus usuarios, entre os cales, “por certo, non se atopan a maioría dos 20 integrantes da coral”.
Con todo, Francisca Canal lembra que esta polémica creouna a propia coral, pois dende un primeiro momento ofertóuselle outro local sen poñerlle ningún tipo de impedimento e, sen motivo aparente, amosaron unha reacción inxustificada. Canal non entende o comportamento do director da coral, que tamén o é da Banda de Música Municipal, agrupación coa cal Francisca, como deputada provincial, colaborou reiteradamente na adxudicación de diferentes axudas. Non obstante, o vindeiro luns emprazóuselles a unha reunión para liquidar o problema, un novo intento por parte do Centro Social-Comunitario que máis facilidades xa non pode dar.