miércoles, 19 de mayo de 2010

O PP DE REDONDELA INSTA UNHA VEZ MÁIS AO GOBERNO LOCAL Á ELIMINACIÓN DAS BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS NO MUNICIPIO

Francisca Canal volverá a presentar outra moción esixindo que se asigne unha partida orzamentaria para tal fin, co obxectivo de que as persoas con minusvalía poidan acceder e desprazarse libremente sen obstáculos nas rúas, prazas ou edificios.

Redondela, 7 de maio de 2010.- Foi no ano 2008 cando a portavoz do Partido Popular de Redondela, Francisca Canal, presentou unha moción no pleno municipal co obxectivo de eliminar as barreiras arquitectónicas existentes en Redondela e as súas parroquias.
“A día de hoxe a situación non cambiou, incluso empeorou co consecuente agravio de que se gastaron máis de 5 millóns de euros en obras sen mellora nin resultado algún neste ámbito”, explica Canal.
Deste xeito os populares volverán presentar outra moción na vindeira sesión plenaria instando ao Goberno local, como ben dictaminado por lei, a que asigne unha partida orzamentaria a eliminar ditos obstáculos, facendo accesible todos os lugares públicos á aquelas persoas que presentan minusválidas.
A falta de mobilidade é un problema moi grave con repercusións en moitas facetas dunha persoa, pois implica non poder desprazarse para facer as actividades básicas da vida diaria e de lecer. Neste sentido, “non é suficiente con adaptar a casa da persoa discapacitada, senón que é imprescindible que todos os edificios, públicos e privados, teñan fácil acceso, as beirarrúas teñan os rebaixes pertinentes e os pavimentos sexan antideslizantes, entre outras cuestións”, sinala a portavoz do PP. “O Concello debe velar porque todo isto se cumpra e no caso de Redondela non é así”, engade.
Por todo isto, e ante o incumprimento fai xa dous anos do Goberno local de non levar a cabo un labor que lle compete, dende o Partido Popular propoñen que se inicie unha adaptación das rúas creando itinerarios accesibles, “pois ata o de agora o que se fixo foi crear máis obstáculos dos xa existentes colocando unha serie de ornamentos que dificultan a mobilidadade”; que se amplien as prazas de aparcamento e que exista un itinerario peonil accesible e sinalizado que comunique a vía pública coas prazas reservadas e que se rehabiliten as beirarrúas do municipio de maneira que todas teñan os rebaixes axeitados e os pavimentos sexan antideslizantes.
“A actuación deste Gobeno local está impedindo, aínda máis se cabe, a accesibilidade ás vías públicas, espacios libres e edificios, así como o desprazamento das persoas minusválidas, pois estando obrigado a destinar unha porcentaxe do seu orzamento á eliminación de barreiras arquitectónicas non o fai, e malgasta os cartos deixando presentes todos aqueles obstáculos físicos que limitan a liberdade de movementos destas persoas”, conclúe Francisca Canal.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DO PP DE REDONDELA