jueves, 10 de septiembre de 2009

Os Populares amósanse preocupados polo progresivo deterioro da situación do tráfico en redondela, provocado polas obras de humanización do Plan E, e piden solucións concretas.


O Partido Popular de Redondela esixiaralle novamente ao concelleiro de Tráfico, Eduardo Reguera, que explique, no pleno que se celebrará este mércores 9 de setembro, as medidas que o seu departamento ten previsto adoptar ata finalización das obras no casco urbano, co fin de solucionar os graves problemas de tráfico e aparcamento que está a sufrir a vila.

Despois de advertir reiteradamente ao goberno local da necesidade de adoptar medidas para minimizar as molestias que ían causar estas tarefas no casco urbano, ao Grupo Popular "preocúpanos comprobar como se fixo caso omiso das nosas peticións, sumindo a Redondela nun caos circulatorio sen precedentes e causando graves dificultades ao comerciante local", sinala o concelleiro popular Alberto Pazos.

"Ata o momento Reguera limitouse a afirmar que o tráfico en Redondela funciona correctamente, acusando ao Partido Popular de invertarse problemas que non existen. Agora abrangue unha segunda fase na que se limita a pedir paciencia", explica Pazos. Neste senso, os populares pedirán a Reguera que expoña solucións concretas aos problemas de circulación, sinalización e aparcamento que sufre a vila.

"Ante o grave prexuízo que se lle está a crear a tódolos redondeláns, e comerciantes en particular, esixiremos solucións ou dimisións. Xa pasou o tempo de improvisar arranxos esperpénticos, como desviar o tráfico entre dúas arbores da rúa Ernestina Otero. Se esas son as propostas de Reguera, debe presentar a sua dimisión de inmediato", declara Pazos.

O Partido Popular non pode entender que nun pleno se afirme que empresarios respaldan as medidas do goberno, cando días despois os seus representantes quéixanse na prensa do incumprimento reiterado das promesas que se lles fixeron. "É triste que Reguera se escude na mentira para tapar a súa incompetencia. Non podemos admitilo e obreremos en consecuencia" advirte o edil do PP local.