jueves, 25 de febrero de 2010

O PARTIDO POPULAR DE REDONDELA DENUNCIA A ACTITUDE DISCRIMINATORIA E IMPROCEDENTE DO ALCALDE XAIME REI NOS PLENOS

O Goberno local de Redondela levou onte ao pleno por vía de urxencia a primeira fase do centro de deportes acuáticos de Chapela, uns informes aos que, ata ese mesmo momento, o Partido Popular de Redondela non tivera acceso.

Non entanto, os populares votaron a favor desa urxencia pero solicitando os informes oportunos á secretaria e á interventora, requerindo un receso na sesión para revisar os puntos. Tralo estudo rápido das bases, “pois non imos votar a cegas”, reclamaba a voceira popular Francisca Canal, o PP non compartiu delegar no alcalde o seguimento do proxecto, “xa que o seu respeto cara á nós é nulo e os precedementos que segue son ilóxicos e pouco elegantes, facendo todo con présa e de xeito desorganizado”.

Polo demais, Canal subliñaba que “votamos a favor porque somos conscientes de que Chapela precisa desa piscina e de moitísimos servizos máis dos que actualmente, e ao longo dos últimos 30 anos, carece”; recordando unha vez máis que “o spa prometido non será tal”, pois nesta primeira fase, na que se invertirán máis de 3,2 millóns de euros só se construirá unha piscina, obxectando tamén que “se dea traballo tan só a 20 persoas”.

Mocións presentadas

A moción presentada por Alberto Pazos foi aprobada por unanimidade por todos os membros da Corporación Municipal. Deste xeito, o Partido Popular propón solicitar ao organismo competente a axilización, por unha parte, da mellora do firme da N-550 entre Redondela e O Porriño e, por outra, da construción da rotonda de Rande, á saída da AP-9. Obras, ámbalas dúas, que están a ocasionar graves problemas tanto a conductores como a viandantes.

Por outra banda, Francisca Canal expresou o apoio a favor da fusión das caixas de aforro galegas mediante outra moción, que tamén foi aprobada, a prol do manifesto Galicia ten dereito, pois “a única solución da supervivencia de Caixanova e Caixa Galicia pasa pola súa fusión”, remarcaba a voceira do PP local.

No lado contrario, situouse a outra das propostas do Partido Popular. PSOE e BNG negáronse a recoñecer os problemas de tráfico e aparcamento que hai na vila, para o cal o PP solicitaba que se habilitase provisionalmente como aparcadoiro de vehículos o terreo previsto para a construción do auditorio de A Marisma. “Veciños e comerciantes sofren estes problemas a diario e o propio Goberno local anunciaba na prensa fai uns días que estaba pensando mercar uns terreos para empregalos como aparcadoiro”, explicaba o edil Alberto Pazos. Unha contradicición máis que evidente, “primeiro tentan buscar unha solución, logo de que nós xa anunciásemos o problema existente na vila, e agora negan dito problema”.

Preguntas e rogos

O alcalde case non facilitou tempo para formular, do xeito adecuado, as preguntas e rogos, apresurando as intervencións e sen deixar que os concelleiros se poidesen expresar debidamente. Non entanto, o Goberno local esquivou todas as respostas, sen dar unha contestación concreta, fundamentada e lóxica. Entre as moitas cuestións ás que foron sometidos os dirixentes do Concello, destacou a pregunta da situación actual do PXOM, da cal non souberon dar conta, apoiándose en escusas e desviándose do tema.

O Partido Popular seguirá a traballar por e para Redondela, velando polos intereses e necesidades dos veciños, “para o cal estaremos fiscalizando todo o traballo do Goberno local, vixiando e custodiando todas as accións levadas a cabo”, conclúe Canal.